O pleno de Pontevedra declara á TVG como "medio de comunicación partidista e hostil" coa cidade

Pontevedra
23 de xullo 2013

As tres mocións do PP foron votadas en contra, centradas na transparencia económica do Concello, a exención de IBI para a Universidade de Vigo e a condena das accións terroristas da Resistencia Galega. A sesión plenaria decidíu apoiar unha moción de urxencia do BNG para que a Xunta de Galicia adscriba os estudos da Escola de Restauración de Pontevedra para que queden homologados

Redacción da Radio Galega en San Marcos
Redacción da Radio Galega en San Marcos / CRTVG
Resposta do alcalde Lores a Jacobo Moreira sobre as xestións en relación co cuartel da Brilat /

A normalidade regresou aos asentos políticos do Teatro Principal do pleno de xullo. Despois da pinza protagonizada polos grupos municipais do PP e do PSOE en xuño para que o BNG retomase o PXOM, as augas volveron ao rego. Nacionalistas e socialistas tombaron as tres mocións da bancada popular e declararon medio "hostil e partidista" á Televisión de Galicia. Ademais tamén sumaron os seus votos para reclamar que a Xunta de Galicia homologue os estudos da Escola de Restauración de Pontevedra para garantir o futuro deste centro situado no antigo Cuartel de San Fernando.

O pleno estivo marcado polo debate sobre a transparencia do grupo de goberno. Jacobo Moreira, voceiro do PP, reclamaba que se fixesen públicos na web municipal os datos das persoas físicas ou xurídicas que tributan máis de 300.000 euros anuais. O líder popular volveu argumentar que Pontevedra pecha o ránking de transparencia das cidades galegas segundo a ONG Transparencia Internacional. O socialista Antón Louro indicou que esta moción só achegaba confusión e apuntou que, en cambio, si sería necesario que se presentase na Deputación ou no Parlamento de Galicia, e avanzou que así se fará, por parte dos socialistas, na institución que preside Louzán. César Mosquera, concelleiro do BNG, sinalou que a ONG é un grupo de presión e que o único que busca o PP é dar unha imaxe negativa cando personalidades como Luis del Olmo gaban a cidade.

A TVG, MEDIO HOSTIL

Nese debate, o concelleiro nacionalista comezou a mencionar á TVG e a relación que mantén cos populares: "a TVG é a que lle marca esa liña ou son vostedes vos que lla marcan a ela? ".

Este foi o preámbulo á moción que presentou o grupo municipal sobre a utilización partidista dos informativos da TVG para ofrecer unha imaxe negativa de Pontevedra. Luis Bará comezou a súa intervención lamentando que non estivese presente ningún equipo do ente autonómico no salón de plenos: "isto é porque non cobren o acto máis importante desta corporación" e remontouse a que dende o peche da Delegación da CRTVG en novembro de 2010, non se recollen os actos máis importantes de Pontevedra nos informativos e as únicas noticias que se dan están relacionadas con sucesos.

Antón Louro apoiou a moción e reclamou a reapertura da Delegación cos profesionais que estaban a desenvolver alí o seu labor, tal e como se comprometeran os populares hai dous anos. Ana Isabel Vázquez, polo PP, foi a encargada de facer unha relación de medios e xornalistas que desapareceran nos últimos anos como Localia culpando a crise desta situación. E defendeu a pluralidade e a calidade por parte dos profesionais e negou a manipulación do medio.

Finalmente, o alcalde Miguel Fernández Lores interveu para refererirse a unha conversación na que a concelleira popular estaba presente cun alto representante do PP provincial que mostrara a súa preocupación pola falta de información que se estaba a ofrecer na TVG sobre Pontevedra. A moción contou cos votos a favor de nacionalistas e socialistas para declarar ao ente autonómico como medio de comunicación "partidista e hostil". Este acordo trasladarase á dirección da compañía, ao Consello Asesor e á Presidencia da Xunta de Galicia.

SEN CONDENA A RESISTENCIA GALEGA

Dúas mocións máis dos populares non encontraron respaldo entre as filas do goberno local. A primeira reclamaba a condena dos actos terroristas facendo especial mención a Resistencia Galega. Dende o PSOE presentouse outra proposta na que se eliminaba o nomeamento a un grupo violento concreto e rexeitábase calquera acto para obter rédito político a través destes actos. Os populares negáronse a eliminar a referencia a Resistencia Galega e Louro retirou a proposta. Pola súa banda, César Mosquera describiu como "unha gamberrada intencionada do PP" presentar esta moción que ou único que permitía era dar publicidade a un grupúsculo violento. E indicou que, cando se producira, atentados os grupos municipais realizaran unha declaración de consenso que, nesta ocasión, non buscaran os populares.

Na exención do IBI para os inmobles da Universidade de Vigo proposta pola popular María José Rodríguez Teso, o concelleiro Raimundo González indicou aos populares que propuxesen o goberno español que asumira o pagamento dese imposto pero que, polo momento, o concello e a entidade universitaria manteñen negociacións cun trato "exquisito". Louro criticou a actitude contraditoria do PP ao subir as taxas das matrículas e subir os impostos para, en cambio, solicitar aos concellos que supriman o IBI ás universidades.

Tamén se aceptou a moción urxente presentada pola nacionalista Carmen Fouces reclamando á Xunta que homologue os estudos da Escola de Restauración para que poida manter a súa actividade dentro da oferta universitaria. A proposta foi aprobada polos grupos do PSOE e do BNG coa abstención do PP.

Lores sobre o futuro da Brilat en Pontevedra: "Fixen o que tiña que facer"

No tramo final do pleno, o concelleiro nacionalista Raimundo González e o popular César Abal entraron nun enfrontamento dialéctico en relación co cumprimento dos pagamentos das obrigas municipais. Segundo González a media sitúase en 24,59 días mentres que Abal lle reclamaba que se chegase aos 18 días de prazo de pagamento da Deputación provincial. Raimundo González indicou que os datos do concello elaborados por téncios municipais son fiables porque "teñen unha formación acojonante" e cuestionou a experiencia do edil popular. Abal respondeu, notablemente enfadado, "que "no voy a permitir ningún desprecio sobre mi formación".

A sesión concluíu cunha pregunta de Jacobo Moreira sobre o acordo do pleno anterior en que se reclamaba ao alcalde que mediara entre Defensa e a comunidade de Montes de Salcedo para chegar a un acordo sobre os terreos que ocupa a Brilat. Lores contestou cun tallante: "Fixen o que tiña que facer" e se negou a ofrecer máis información sobre as xestións realizadas.