O poboado de Nadal da Ferrería, a punto para abrir mañá a súas portas

Pontevedra
16 de decembro 2020

O poboado que acollerá o mercado de Nadal de Pontevedra xa vai collendo forma. Non é para menos, xa que a apertura do recinto, que estará situado na Praza da Ferrería, está prevista para este xoves 17 de decembro, a partir das seis da tarde

Instalación do poboado de Nadal na Ferrería Mónica Patxot

O poboado que acollerá o mercado de Nadal de Pontevedra xa vai collendo forma. Non é para menos, xa que a apertura do recinto, que estará situado na Praza da Ferrería, está prevista para este xoves 17 de decembro, a partir das seis da tarde.

Os traballos para converter a praza neste poboado comezaron o pasado luns.

Xa se instalaron as quince casetas onde os visitantes poderán mercar produtos típicos de Nadal como decoracións para a árbore, ilustracións e felicitacións, guirnaldas, xabóns naturais, coroas e centros secos, papel decorativo, axendas, contos infantís ou beléns.

Ademais, tamén haberá catro casetas de produtos gastronómicos vinculados co Nadal como bombóns, panettones, pandoros, polvoróns e outros doces típicos.

No poboado, as persoas poderán sacar instantáneas nas distintas escenas de Nadal que se están a habilitar na contorna da gran árbore iluminada.

Este particular mercado estará aberto ata o 5 de xaneiro. As persoas que o desexen poderán visitalo en horario de 12.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Os venres, sábados e domingos estará aberto até as 21.00 horas e os días 24 e 31 de decembro estará pechado. 

Haberá un control de seguridade en todo o recinto, que estará aforado e con controis de acceso dende as catro portas. No caso de que sexa moi demandado, a organización pechará as portas e disporá dunha única entrada e unha única saída.

As persoas que accedan pasarán por unha alfombra hixienizante e deberán empregar hidroxel para as mans. Velarase polas distancias de seguridade e será obrigatorio o uso de máscara.