O PP carga contra a "fallida" liña de axudas do Concello para autónomos e microempresas

Pontevedra
01 de decembro 2020

Segundo o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, "que só conseguisen asignar o 38% das axudas é a perfecta mostra da incapacidade do Goberno local", xa que, segundo sinalou "160 persoas serán as beneficiarias desta partida"

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, valorou este martes o resultado da, ao seu xuízo, "fallida" liña de axudas do Concello de Pontevedra para autónomos e microempresas.

Segundo Rafa Domínguez, "que só conseguisen asignar o 38% das axudas é a perfecta mostra da incapacidade do Goberno local", xa que, segundo sinalou "160 persoas serán as beneficiarias desta partida".

Para o portavoz popular "este Concello é incapaz de identificar que necesita Pontevedra" e afirma que "é a única administración que non conseguiu mobilizar o total da súa liña de apoio".

Domínguez expresou as súas dúbidas sobre unha nova convocatoria de axudas co importe sobrante porque entende que "se a vontade segue sendo ningunha e o enfoque o mesmo, apaga e vamos".

Finalmente criticou a xestión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores durante a pandemia porque "está desparecido e os que veñen detrás demostraron non estar preparados para a xestión pública. É un fracaso persoal do alcalde por non estar e de Anabel Gulías por incapacidade", concluíu.