O PP de Poio acusa a Gregorio Agís de "montar un teatro" coa reforma da PO-308

Poio
07 de maio 2022

A edil popular Rocío Cochón asegura que o representante do goberno local "difundiu información falsa a propósito" sobre a senda que unirá Fontenla e  Combarro e que está a realizar a Xunta de Galicia

Ángel Moldes e Rocío Cochón
Ángel Moldes e Rocío Cochón / PP de Poio

O Partido Popular de Poio saíu ao paso este sábado das recentes críticas do portavoz socialista e membro do goberno local, Gregorio  Agís, cara á a Xunta acusándoa de modificar o proxecto da PO-308 entre Fontenla e Combarro suprimindo aparcamentos.

Segundo a edil popular Rocío Cochón, Agís "difundiu información falsa a propósito", polo que lle acusa de "montar un teatro" asegurando que coñece o proxecto desde hai dous anos.

Tanto é así que para Cochón o edil socialista está "a mentir aos veciños, comparando coa Xunta e ocultando que o único responsable da falta de estacionamento é o tripartito", afirma.

"Como pode afirmar que o proxecto foi modificado ás agachadas cando leva no concello de Poio desde maio de 2020?", defende a representante do PP asegurando a que valoración do seu compañeiro de corporación municipal contén equivocacións ao falar de elementos verdes ao lado dereito da calzada en dirección Combarro "que non existen en ningún proxecto", asegurando que os que si se contemplan no lado contrario non eliminan prazas de aparcamento ao estar en plena curva.