O PP de Poio propón negociar cos propietarios e ampliar o estacionamento do Centro de Saúde de Anafáns

Poio
26 de xullo 2016

Os populares agradecen á Xunta o proxecto de ampliación do Centro de Saúde e piden que o Concello aproveite para solucionar o histórico problema de aparcamento e para humanizar e mellorar o lugar

Centro de Saúde de Anafáns PontevedraViva

O Partido Popular de Poio reuniuse este martes con veciños de Anafáns e usuarios do centro de saúde para falar sobre as actuacións prioritarias na zona despois de que a Xunta anunciase a ampliación do Centro Sanitario.

O presidente local, Ángel Moldes e os concelleiros Manuel Domínguez e Juan Rodríguez Grandal, abordaron as melloras na veciñanza que o Concello debería levar a cabo co gallo desta ampliación e pediron que o goberno local aproveite para solucionar o histórico problema de aparcamento.

Os veciños da zona foron máis ambiciosos "queren que esta ampliación se aproveite para humanizar definitivamente a zona", conectando o centro de saúde coa PO-304.

Os veciños recordaron que Anafans é unha das zonas que máis creceu de Poio e na que menos se investiu nos últimos anos. Ademais, lembrou Moldes, "o centro de saúde non dá servizo só a San Salvador, e unha vez ampliado vai facer falta mellorar o entorno e as infraestruturas: O centro terá máis médicos, dará máis servizo a máis pacientes... así que é o momento axeitado para poñerse mans á obra e escoitar as demandas históricas de veciños e usuarios".

Na reunión estaba presente o propietario da finca que serviría previsiblemente para a ampliación do estacionamento, chamado Raimundo, que indicou que "está disposto a negociar co Concello" para esta obra.

Moldes lembrou que a partir de outubro se coñecerán todas as partidas orzamentarias dispoñibles das distintas administracións para poder facer esta mellora.