O PP lamenta o "enorme prexuízo" que causan a centos de veciños de Poio os peches de vías de Pontevedra

Poio
26 de setembro 2020

Ángel Moldes advertiu a Lores e Mosquera que se o fin último das restricións ao tráfico que se están a aplicar en Pontevedra é eliminar o dobre sentido da circulación na ponte da Barca, "vannos ter en fronte, a nós e á inmensa maioría dos veciños de Poio"

Ángel Moldes, portavoz do PP de Poio
Ángel Moldes, portavoz do PP de Poio / PP de Poio

O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, referiuse este sábado ás recentes medidas aplicadas no Concello de Pontevedra en cuestións de tráfico e lamentou "o enorme prexuízo" que os peches de determinadas vías de entrada a Pontevedra están a causar a centos de veciños de Poio, especialmente de San Salvador "que van diariamente a traballar, comprar ou facer xestións a Pontevedra".

Moldes non fixo referencia directa a ningunha medida, pero si alusión velada ao corte aplicado esta semana na avenida Raíña Vitoria e o anunciado para Alfonso XIII, dúas rúas moi próximas á ponte da Barca que comunica Pontevedra e Poio. E advertiu ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao seu concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, que se o fin último das restricións ao tráfico é eliminar o dobre sentido da circulación na ponte da Barca, "vannos ter en fronte, a nós e á inmensa maioría dos veciños de Poio".

Desde o PP de Poio recoñecen e respectan a autonomía de cada concello e as decisións do goberno local de Pontevedra sobre as súas rúas, "aínda que non nos gusten", pero advirten que se o obxectivo oculto desas medidas é cortar "de forma unilateral" a circulación na ponte da Barca "non llo imos consentir".

O voceiro popular recordou que o corte da ponte da Barca é "unha obsesión declarada do BNG de Pontevedra que levan intentando impoñer cada vez cunha escusa diferente", como obras no abastecemento de auga, traballos en distintos lugares de Poio e Pontevedra, "pero se esta vez pretenden usar como coartada o virus que está a castigar Galicia e especialmente a nosa zona, estarían cruzando todos os límites".

"Esperamos que, chegado o caso, poidamos contar co apoio do resto dos grupos políticos de Poio", expresou Moldes, aínda que dubida que o alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, se opoña a decisións do seu compañeiro de partido Lores.