O PP pregunta polo plan de composteiros comunitarios ao levar medio ano parado

Pontevedra
05 de setembro 2017

O portavoz popular visitou a nave municipal en Campañó onde afirma que permanecen almacenadas desde hai máis de seis meses as mostras das unidades modulares. Jacobo Moreira critica os continuos erros na definición do proxecto

Visita de Jacobo Moreira á nave municipal de Campañó
Visita de Jacobo Moreira á nave municipal de Campañó / PP de Pontevedra

O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, visitou este martes a nave municipal do Concello de Pontevedra que se atopa en Campañó. Alí criticou a falta de rumbo do goberno do BNG en Pontevedra en relación á posta en marcha do plan de compostaxe. 

Moreira critica os continuos erros na definición do proxecto e sinala que o goberno de Fernández Lores non ten un rumbo fixo cos composteiros e asegura que están a dar "paus de cego" e xogando co diñeiro dos pontevedreses.

Desde o PP denúnciase que a subministración de unidades modulares foi un concurso aberto, que finalizaba en marzo, por un importe de 142.000 euros e desde entón permanece paralizado. Afirman que Lores meteuse nunha lea co tema da compostaxe da que non sabe como saír. 

Alegan tamén que a instalación das unidades modulares chegará con máis dun ano de atraso sobre as estimacións do goberno local e que o propio concelleiro César Mosquera recoñeceu a inexistencia do proxecto da planta da Canicouva.