O PP presenta dúas emendas para "restrinxir a arbitrariedade" do alcalde cos cartos públicos

Pontevedra
12 de decembro 2016

Súmanse ás emendas xa anunciadas sobre a rebaixa do IBI, a implantación do Transporte Público Urbano e a aprobación inicial do PXOM

César Abal e Jacobo Moreira, en rolda de prensa no Concello

O grupo popular vén de formalizar este luns as súas emendas ao orzamento municipal do vindeiro ano 2017.

Así, tal e como avanzou o portavoz popular, Jacobo Moreira, os populares presentaron tres emendas "moi recoñecibles para todos os pontevedreses" coas que reclaman unha rebaixa do IBI, a implantación do transporte urbano e a aprobación inicial do PXOM.

A elas, súmanse dúas emendas ao orzamento que, de ser aprobadas, por unha banda, supoñería que o vindeiro ano calquera transferencia de crédito nas partidas de gasto corrente e inversión terán que ser aprobadas polo Pleno, unha medida que ata o de agora é exclusiva do alcalde.

E por outra banda, co fin de acabar coa arbitrariedade do alcalde á hora de levantar reparos na adxudicación de contratos, 240 formulados só en 2015, os populares propoñen que cada vez que se queira levantar un reparo, se esixa que o interventor xustifique a existencia de motivos para iso.

"O Partido Popular continúa realizando achegas co fin de mellorar o orzamento e lograr así afrontar os retos que ten Pontevedra non só no 2017, senón tamén nos vindeiros anos", afirmou o voceiro popular Jacobo Moreira.