O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio

Poio
26 de abril 2021

Os deputados do Partido Popular rexistraron no Congreso unha Proposición non de lei para reclamar que se modifique o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e incluír unha nova titulación de FP que se axuste ás ensinanzas de canteiría e mestre de canteiría que se imparten na Escola de Poio

Diego Gago, Javier Bas, Ana Pastor e Juan Constenla PP

Os deputados do PP Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla rexistraron no Congreso unha proposición non de lei para reclamar que se modifique o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e incluír unha nova titulación de FP que se axuste ás ensinanzas de cantería e mestre de cantería que se imparten na escola de Poio, dirixidas á produción e restauración artística, así como a súa contribución e aplicación á arquitectura.

Ademais, na proposta inclúen un segundo acordo para facilitar a homologación e convalidación dos títulos expedidos antes da modificación do catálogo.

Os populares amosaron en numerosas ocasións o seu apoio á Asociación da Escola de Canteiros de Poio, cos que mantiveron varias reunións para escoitar as súas inquedanzas e agora dan un paso máis para reclamar no Congreso que o Goberno central recoñeza as ensinanzas que se imparten neste centro dependente da Deputación de Pontevedra.

Entenden que este é un centro de referencia para a provincia, un centro único en Galicia que conta con grande prestixio e recoñecemento a nivel nacional e, polo tanto, consideran importante que se plasme ese recoñecemento a través dunha titulación específica que depende do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Esta titulación é fundamental para garantir o futuro da escola, do alumnado e dos mestres, porque para recibir un certificado de profesionalidade non é preciso estar cinco anos nunha escola, con traballar nun taller, pagar unhas taxas e presentarse a un exame é suficiente, sinalan desde o PP.

Esta modificación permitirá, polo tanto, que os alumnos poidan acreditar cun título específico os coñecementos teóricos e prácticos que reciben no centro, e optar a postos de traballo cualificados, e polo tanto, tamén fará que a escola de Poio sexa máis atractiva para o alumnado.