RADIO.- Un novo grao técnico de pedra natural pode poñer en xaque á Escola de Canteiros

Pontevedra
02 de setembro 2021

A Asociación de Canteiros de Poio afirma en PontevedraViva Radio que a oferta formativa homologada que vai empezar a impartir a Agrupación industrial do Granito este próximo curso pode deixar sen alumnos á Escola de Canteiros

Manuel Sestelo e Fran Sieiro da Asociación de Canteiros de Poio
Manuel Sestelo e Fran Sieiro da Asociación de Canteiros de Poio

O Clúster do Granito xunto coa Consellería de Educación ofertarán para este próximo curso 2021-22 un Grao Técnico de Pedra Natural. Unha oferta formativa regrada inexistente ata a data para o sector e que segundo portavoces da Asociación de Canteiros de Poio - aínda que é benvida - vai poñer en xaque o futuro da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

Falan nas Conversas na Ferrería, Manuel Sestelo presidente da Asociación e Fran Sieiro, integrante da mesma. "Entendemos que é unha idea moi boa para a cantería, pero quen vai a sufrir as consecuencias é a Escola de Canteiros porque cando se termina sales cun título que non regrado e é super importante que a Escola non desapareza porque ofrece unha parte artística moi importante que este Grao de FP non inclúe".

Isto é - segundo expoñen en PontevedraViva Radio-, incorpórase unha titulación da que o sector carecía pero non se forma ao alumno na faceta máis artística da profesión, que si ofrece a Escola, pero que carece dun recoñecemento regrado por Educación. Nesta nova tesitura estiman que a demanda se irá a centro de Porriño en detrimento do centro de Poio.

Desde hai tempo este colectivo profesional vén reclamando que quen se forma na Escola de Poio - durante cinco anos - ao terminar obteñan unha acreditación homologada xa que "o certificado de profesionalidade que queren dar non o é. Se a Escola tivese homologación como un centro de FP isto arranxaríase", insisten.