A Deputación pide á Xunta que inicie o proceso para que a Escola de Cantería entre no Catálogo Nacional de Cualificacións

Pontevedra
08 de outubro 2021

Carmela Silva insiste en que "as competencias exclusivas en materia de educación e, en particular, en formación profesional son da Xunta" de Galicia, por iso é polo que corresponde á administración autonómica iniciar o procedemento. Pide a Feijóo "que o tome en serio" e que "de maneira inmediata" se poida empezar a falar da transferencia

Escola de Canteiría
Escola de Canteiría / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra enviou este venres unha carta dirixida á Xunta de Galicia para que inicie o procedemento para que a Escola de Cantería de Poio poida entra no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais

A presidenta provincial, Carmela Silva, anunciou o envío da misiva, e insistiu en varias ocasións en que "as competencias exclusivas en materia de educación e, en particular, en formación profesional son da Xunta" de Galicia, por iso é polo que corresponde á administración autonómica iniciar este procedemento. 

Carmela Silva explicou en rolda de prensa que o procedemento vai ser "complexo" e "hai que inicialo xa", de modo que pide ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, un compromiso real con este asunto. "É o momento de que o tome en serio", engadiu

"Non podemos esperar máis", insistiu a presidenta provincial, que manifestou que desde a Deputación esperan que a Xunta os convoque para que "de maneira inmediata" se poida empezar a falar da transferencia da Escola de Cantería.  

Esta carta chega despois de que esta mesma semana a Comisión de Educación e Formación Profesional do Congreso dos Deputados debateu unha Proposición Non de Lei do grupo popular relativa á  Escola de Cantería de Poio. 

Unha vez engadida unha emenda do grupo socialista, o Congreso acordou instar o Goberno a seguir realizando unha profunda análise das ofertas de Formación Profesional e, no seu caso, dos Ensinos Artísticos, tomando como referencia o Catálogo Nacional das Cualificacións, e crear a titulación académica que ordene os ensinos de cantería e mestre de cantería dirixida á produción e restauración artística, así como a súa contribución e aplicación á arquitectura.