O PP rexeita no Parlamento dotar dunha ambulancia medicalizada á comarca do Salnés durante todo o ano

O Salnés
14 de xullo 2017

O Partido Popular rexeitou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para dotar dunha ambulancia medicalizada á comarca de Arousa – Salnés durante todo o ano e unha adicional para Sanxenxo durante o verán

Manifestación pola mellora do servizo no Centro de Saúde de Baltar Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo

O Partido Popular rexeitou unha proposición non de lei do grupo socialista para dotar dunha ambulancia medicalizada á comarca do Salnés durante todo o ano e unha adicional para Sanxenxo durante o verán.

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, reclamou este venres o reforzo dos servizos sanitarios de Sanxenxo cunha praza de pediatría no PAC de Baltar e a adecuación dos servizos sanitarios á época de verán.

A esta demanda sumáronse o resto dos grupos da oposición. Así a deputada de En Marea, Eva Solla defendeu na Comisión de Sanidade que o servizo de ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés durante todo o ano, "é unha demanda histórica que non se entende que a día de hoxe siga sen ser atendida, dado que obriga aos profesionais sanitarios do PAC a desprazarse a urxencias", deixando desatendido o centro.

Sanxenxo pasa de ter 20.000 habitantes durante todo o ano a máis de 100.000 no verán, converténdose na terceira localidade de Galicia, que é atendida polo centro de saúde de Baltar a pesares das reducións e recortes de persoal aplicadas durante os últimos anos.