No conxunto do ano 2016 o equipo de técnicos do proxecto Smartpeme da Deputación de Pontevedra asesorou máis de 1.000 empresas, un 25% máis que o ano anterior.
Smartpeme é un servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
Ao longo do pasado ano, os responsables deste proxecto resolveron case 1.400 consultas. O crecemento con respecto a 2015 é dun 100%. Amais no 2016 máis de 2.600 persoas participaron tanto nos talleres coma nos eventos para a formación en novas tecnoloxías, que recibiron unha valoración media anual de 4,64 sobre 5, e se rexistraron no proxecto 624 novas empresas.
En SmartPeme preto un 15% da xente que usa activamente os servizos que ofrece o programa son persoas emprendedoras, sendo este dato un reflexo da importancia que teñen na provincia de Pontevedra.
Finalmente, os 302 obradoiros de capacitación TIC desenvolvidos en 2016 rexistraron máis de 2.100 asistentes, o que supón un crecemento dun 25% con respecto a 2015.