O PSOE celebra a sentenza de ENCE e insta a Feijóo a buscar "de inmediato" alternativas de traslado

Pontevedra
16 de xullo 2021

A sentenza da Audiencia Nacional, segundo o dirixente socialista, "deixa claro" que a prórroga que outorgou o Goberno de Mariano Rajoy á industria pasteira era "absolutamente ilegal" e que a lei, neste caso de Costas, "está para ser cumprida por todos"

Tino Fernández, concelleiro de Educación de Pontevedra e tenente de alcalde Mónica Patxot

O portavoz do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, asegurou que "hoxe é un bo día" para a cidade tras a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga concedida a Ence para ocupar terreos de Costas ata 2073.

Este fallo, sinalou Fernández, debe impulsar ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a buscar "de inmediato" alternativas para que esta fábrica poida continuar coa súa actividade produtiva na comarca de Pontevedra.

A sentenza da Audiencia Nacional, segundo o dirixente socialista, "deixa claro" que a prórroga que outorgou o Goberno de Mariano Rajoy á industria pasteira era "absolutamente ilegal" e que a lei, neste caso de Costas, "está para ser cumprida por todos".

Chegados a este punto, segundo o responsable do PSOE en Pontevedra, "debe imperar e triunfar" a postura defendida polos socialistas "ás veces en solitario e desprezados por outros partidos" de que a fábrica "non podía permanecer na ría" e debíase "garantir" o seu traslado.

"É o momento do diálogo e de dar a cara polos traballadores de Ence", afirmou Fernández, que subliñou que o comité de empresa da fábrica "debe saber que teñen ao PSOE como aliado" para que esta actividade industrial permaneza na comarca.

O edil socialista asegura que "os que deben responder" pola situación na que queda a fábrica "son os que se estiveron escondendo ata o de agora", citando expresamente a Núñez Feijóo, ao que acusou de actuar "como delegado da empresa".

Agora, engadiu, a Xunta debe "poñerse a traballar" na procura de localizacións alternativas e a dirección de Ence ten que "actuar de boa fe e sentar a negociar" cun Goberno, o central, "que fará todo o posible para que a empresa consolide a súa actividade noutro lugar".

Arquivado en