O PSOE pide responsabilidades en Sanxenxo pola "mala xestión" da contratación de persoal

Sanxenxo
03 de setembro 2020

Nos últimos cinco meses houbo manifestacións tanto da Policía Local, coma dos socorristas e traballadores do SAF, sempre en relación coas contratacións. O PSOE denuncia que estas protestas "non son froito de erros puntuais senón que deixan ver un patrón de conducta habitual"

Sede do PSOE en Sanxenxo Diego Torrado

As recentes manifestacións levadas a cabo polo colectivo de socorristas de Sanxenxo para a reivindicación dos seus dereitos laborais, xunto ás mobilizacións dos axentes da Policía Local e do persoal do Servizo de Axuda no Fogar levan ao grupo municipal do Partido Socialista a pedir responsabilidades políticas ao Concello de Sanxenxo pola "mala xestión da contratación de persoal".

A voceira socialista, Ainhoa Fervenza quere que o concelleiro de Economía e Persoal, Marcos Guisasola dea explicacións xa que entende que "estes conflitos non son froito de erros puntuais e illados senón que deixan ver un patrón de conduta habitual".

Para Ainhoa Fervenza este é o "modus operandi" do alcalde Telmo Martín e o seu equipo de goberno.

"Ante a situación de inestabilidade e malestar que está xerando a errática xestión do persoal do concello", o PSOE de Sanxenxo convocará nas vindeiras semanas unha reunión cos colectivos máis afectados para escoitar as súas demandas e reivindicacións.