O PXOM, á espera da tramitación da nova Lei do Solo

Pontevedra
26 de novembro 2015

Na comisión sobre o PXOM, o PP pediu que Pontevedra sexa un dos primeiros municipios en presentar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal despois de que remate a tramitación da nova Lei do Solo

Vista aérea da cidade de Pontevedra

A comisión especial sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) mantense pendente da tramitación parlamentaria da nova Lei do Solo de Galicia. A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, indicou que se agarda que a nova normativa estea aprobada neste período de sesións, que remata en decembro.

A modificación da lei galega terá como consecuencia cambios nalgunhas das partes do PXOM elaborado por Consultora Galega e que se queren aproveitar para a redacción do novo Plan Xeral para Pontevedra. A concelleira apuntou que a tramitación ambiental volverá a sufrir alteracións que afectarán á redacción do coumento que marcará a normativa urbanística do municipio e no que traballarán técnicos municipais.

Desde o Partido Popular manifestouse que Pontevedra debe ser dos primeiros concellos en presentar un novo PXOM, tan axiña como se tramite a nova Lei do Solo. "Non nos pode volver a pillar o touro como tantas outras veces", indicou o voceiro do grupo municipal popular Jacobo Moreira.

Moreira insistiu en que desde o BNG se intenta dilatar a elaboración do PXOM e reclama que a comisión sexa executiva con propostas concretas: "Estamos fartos de discusións filosóficas", apuntou. Neste sentido afirmou que na vindeira comisión, dentro dun mes, levarán iniciativas para obter financiación que permita contratar unha axencia externa para elaborar o proxecto.

Marea Pontevedra volveu reclamar que o Concello se poña en contacto coa empresa que redactou o PXOM que non foi aprobado pola Xunta, Consultora Galega, para que colabore. Pola contra, desde o goberno local rexéitase esta proposta. A empresa demandou o Concello de Pontevedra por impago de parte do proxecto.