O rexeitamento aos parques eólicos tamén saca á rúa á veciñanza de Campo Lameiro

Umia
05 de xullo 2022

A veciñanza amosa estes días o seu rexeitamento ao proxecto de parque eólico Touriñán III-2, proxectado por Greenalia, que tamén afecta os concellos de A Estrada e Cuntis. Organizou o pasado domingo unha andaina reivindicativa á que asistiron 50 persoas e para esta semana teñen organizada unha charla informativa

Participantes na andaina en Campo Lameiro Veciñanza da parroquia de Moimenta en Campo Lameiro

As protestas que nos últimos tempos xurdiron en toda a provincia de Pontevedra contra parques eólicos proxectados en distintas localidades tamén prenderon en Campo Lameiro.

Veciñanza do Concello de Campo Lameiro amosa estes días o seu rexeitamento ao proxecto de parque eólico Touriñán III-2, proxectado por Greenalia, que tamén afecta os concellos de A Estrada e Cuntis.

Veciñanza da parroquia de Moimenta, en Campo Lameiro, organizou o pasado domingo unha andaina reivindicativa á que asistiron 50 persoas e para esta semana teñen organizada unha charla informativa. Será este mércores 6 de xullo, ás 19 horas, no merendeiro de Santo Antoniño de Penalba.

Nesta charla estarán o Observatorio Eólico de Galicia e asociacións da comarca e está prevista a presenza das comunidades de montes afectadas, entre elas a de Santa María de Moimenta, que denuncia que "ninguén nos pediu permiso e agora atopámonos con que esta instalación danaría irreversiblemente a captación de auga da aldea".

A veciñanza lembra que outros montes veciñais afectados son os de Armonda, A Lamosa, Painceiros, Castro, Cimadevila e Laceira.

A protesta tamén implica a profesionais locais de turismo rural, como A Avoa María, que denuncian que o impacto paisaxístico sería "crítico", pois os aeroxeradores serían visibles desde o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre.

Ademais, critican que a localidade estradense de Cortegada atópase a unha distancia menor da exixida na normativa actual.

Arquivado en