O río Gafos, de "regato intransitable" a un "lugar de disfrute" para todos os pontevedreses

Pontevedra
06 de outubro 2014

Os arquitectos galegos decidiron dedicar esta celebración á posta en valor da construción de vivendas, espazos e paisaxes "saudables", que fomenten a calidade de vida dos cidadáns. E para o seu acto en Pontevedra quixeron destacar os traballos de recuperación, limpeza, posta en valor e difusión da riqueza ambiental do río Gafos

Paseo pola beira do río Gafos, con motivo do Día Mundial da Arquitectura
Paseo pola beira do río Gafos, con motivo do Día Mundial da Arquitectura

Ata non hai moito, o río Gafos era un "regato intransitable" e grazas ao traballo de colectivos como Vaipolorío agora é un "lugar de disfrute" para toda a cidadanía pontevedresa. Así o asegurou o delegado en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Abelleira, organismo que decidiu recoñecer o labor "incansable" deste colectivo ecoloxista coincidindo co Día Mundial da Arquitectura.

Os arquitectos galegos decidiron dedicar esta celebración á posta en valor da construción de vivendas, espazos e paisaxes "saudables", que fomenten a calidade de vida dos cidadáns. E para o seu acto en Pontevedra quixeron destacar os traballos de recuperación, limpeza, posta en valor e difusión da riqueza ambiental do río Gafos, dende o seu nacemento en Figueirido ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra.

"Ás veces, a acción do home sobre a natureza resulta irreversible, pero outras é o home o que coa súa iniciativa tenta devolverlle á natureza o que el mesmo lle roubou", destacou Manuel Abelleira, nun acto que, entre outros, contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Durante o mesmo descubriuse unha placa conmemorativa en honor a Vaipolorío. Quedou situada ao inicio do paseo fluvial do Gafos, na confluencia das rúas Alcalde Hevia e Fernández Ladreda.

A pesar da chuvia que caeu de forma intermitente durante a tarde, os asistentes a esta conmemoración puideron cumprir co programa previsto e realizar un percorrido polo tramo do paseo fluvial que discorre polo barrio do Gorgullón. Ademais de contemplar as diferentes especies de flora e fauna que hai neste espazo, fixeron un repaso polas construcións que están situadas en todo este ámbito.

Neste sentido, comprobaron como pola marxe dereita do río hai vivendas de nova construción, "moi respectuosas coa paisaxe", mantendo a distancia legal de 25 metros ata o río. Pola contra, a marxe esquerda do río conta con construción dos anos 70, levantadas cun muro de contención ao lado do río que impide a integración coa paisaxe e a dinámica do río; moi criticadas nesta homenaxe polo colectivo ecoloxista, que agradeceu todo o traballo dos seus voluntarios.