O río Rons baixa branco á altura da ponte Malvar

Pontevedra
27 de xaneiro 2022
Actualizado: 28 de xaneiro

A veciñanza da parroquia pontevedresa de Cerponzóns detectou esta vertedura durante a tarde deste xoves e alertaba á Policía Local de Pontevedra para que levante acta e investigue a procedencia deste líquido ante o temor de que afecte á fauna

Vertedura branca no río Rons Policía Local de Pontevedar / Veciñanza de Cerponzóns

Veciños do lugar de Tilve na parroquia pontevedresa de Cerponzóns mostrábanse sorprendidos ao redor das 15.00 horas deste xoves cando ao camiñar polas proximidades da ponte Malvar comprobaban a cor leitosa que ofrecía o río Rons ao seu paso pola zona.

Preocupados polo dano que esta vertedura de cor branca poida causar nas augas do afluente do Lérez, os veciños alertaron á Policía Local de Pontevedra para que se trasladase ata a zona e levantase acta do estado en que baixaba a corrente.

Unha dotación da Policía Local achegábase ata a zona. Os veciños pediron unha investigación para detectar a procedencia desta vertedura ao entender que pode afectar á fauna e danar o leito do río Ron, que nace no Pontillón do Castro e desemboca nas marismas da Xunqueira de Alba.

Dende o Concello de Pontevedra sinalaron que o servizo municipal do Ciclo da auga localizou durante a tarde estas verteduras nas canles dos ríos Rons e Gafos. Tanto nun caso como no outro, o servizo estivo traballando na localización da orixe deste líquido para informar a Augas de Galicia.