O río Verdugo repóboase con 1.000 alevíns de troita

Ponte Caldelas
05 de maio 2016

Os exemplares chegaron á auga este xoves como resultado dunha solta masiva realizada por alumnos do CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas co obxectivo de repoboar ecosistema fluvial

Alumnos do CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas soltan mil alevíns de troita no río Verdugo Concello de Ponte Caldelas

O río Verdugo ten mil novos poboadores desde este xoves, mil alevíns de troita que chegaron á auga despois dunha solta masiva realizada por alumnos do CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas co obxectivo de repoboar ecosistema fluvial. 

Os exemplares de troita, de entre 13 e 17 centímetros, foran trasladados ata diversos lugares nunha pick-up especialmente adaptada para levar un colector de auga no que puidesen viaxar os alevíns con completas garantías. Xusto antes da solta, os escolares recibiron unha completa explicación sobre as características dos peixes de río que abundan en Galicia, así como do método utilizado para o transporte e solta dos alevíns.

Os rapaces colaboraron por quendas na solta das troitas en varios lugares do curso baixo do río Verdugo, a partir da praia fluvial e na zona dedicada á pesca sen morte. 

Os escolares estiveron acompañados polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, José Ramón Blanco, e técnicos da Consellería de Medio Ambiente. O alcalde indicou que se trata dunha colaboración cos centros educativos dentro da vocación de sustentabilidade e defensa dos valores ambientais que o Concello de Ponte Caldelas quere dar á Festa da Troita.

Ao respecto, cabe reseñar que esta actuación realizouse días antes do concurso internacional de pesca, que se celebrará o fin de semana do 28 e 29 de maio, con motivo da L Festa da Troita e no que concursarán nenos e veteranos pescadores que teñen a obrigación de devolver ao río as súas capturas.