O Sergas fará un cribado xeral en Poio diante do avance da covid-19

Poio
26 de xaneiro 2021

A diferenza do sistema aplicado noutros concellos, en Poio non se citará á poboación por franxas de idade senón que será a nivel xeral seguindo o padrón municipal, co obxectivo de chegar a unha maior cantidade de xente.

Punto de cribado con probas PCR
Punto de cribado con probas PCR / Mónica Patxot

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, comunicou ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou que esta semana levará a cabo un cribado da poboación do municipio.

As mostras PCR tomaranse nun único punto, que aínda está por determinar do mesmo xeito que a data exacta na que levará a cabo.

A diferenza do sistema aplicado noutros concellos, en Poio non se citará á poboación por franxas de idade senón que será a nivel xeral seguindo o padrón municipal, co obxectivo de chegar a unha maior cantidade de xente. 

Como xa sucedeu co cribado feito no poboado do Vao, o alcalde puxo ao Concello ao dispor do Sergas "para colaborar en todo o que sexa necesario á hora de organizar esta medida, moi necesaria para descubrir posibles casos asintomáticos".

O xerente da área sanitaria tamén informou que Poio ten 364 casos activos de covid-19, son 24 máis que o domingo.

Durante os últimos días a Policía Local despregou controis de mobilidade, sobre todo na contorna do Vao e da Barca sen que se rexistrasen incidencias. 

Os axentes municipais tamén seguen colaborando activamente co Sergas á hora de localizar a persoas coas que se precisa contactar nos rastreos e no dispositivo activado polo Concello para auxiliar a persoas en corentena que precisen dalgún servizo.