O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Manuel Flores Arias, amosouse partidario de consolidar o actual protocolo interno de atención específica á diabetes en idade infantil nos centros sanitarios públicos.
O responsable da área sanitaria avogou por esta consolidación durante unha reunión con integrantes da Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia), celebrada no Hospital Montecelo.
Foi un encontro técnico no que tamén estiveron o xefe de servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, o doutor Pablo Fernández Catalina, e a subdirectora asistencial da área médica, a doutora Dolores Pan Vázquez.
Os responsables de Anedia repasaron cos responsables directivos e médicos diversas iniciativas asistenciais relativas á mellora da asistencia sanitaria que o Servizo Galego de Saúde presta aos nenos con diabetes.
Tamén perfilaron unha posible colaboración estival por parte de nutricionistas e endocrinos do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, así coma de profesionais do centro de saúde de O Grove no transcurso dun campamento infantil que se celebrará nesta localidade arousá entre os vindeiros 27 de agosto e 1 de setembro de 2023.
Os profesionais da área sanitaria darían diversas pautas de saúde e consellos preventivos orientados ao benestar do colectivo de menores con diabetes.