O Xulgado do Penal de Pontevedra pide a execución da sentenza de Ana e Tamara

Pontevedra
10 de xuño 2014

As dúas traballadoras condenadas a tres anos de prisión como presuntas autoras do lanzamento de pintura á piscina de Ponte Muíños durante un conflito laboral solicitarán este mércores o indulto en Madrid e presentarán as sinaturas recollidas durante a campaña en contra da execución da sentenza

As traballadoras Tamara e Ana, condenadas a 3 anos de prisión Mónica Patxot

Tamara Vidal e Ana González Outerelo, as traballadoras das piscinas Campolongo, trasládanse este mércores a Madrid para presentar ante o ministerio de Xustiza a petición de indulto e as firmas recollidas durante a campaña en contra da execución da sentenza que as condena a tres anos de prisión ao consideralas culpables da vertedura dun líquido que tinguiu as piscinas de Ponte Muíños durante unha protesta laboral.

Precisamente, o Xulgado do Penal de Pontevedra pediu a execución da sentenza contra as dúas mulleres, unha decisión que o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) lamenta porque obriga a que ambas as dúas se vexan obrigadas a ingresar voluntariamente no cárcere no prazo de quince días contado tras recibir o escrito xudicial.

Ante esta situación, as traballadoras e os avogados solicitarán tamén ante o ministerio de Xustiza que se suspenda provisionalmente a execución da sentenza mentres non se resolva a solicitude do indulto.

CC.OO. anuncia que continuará coas protestas ata lograr o indulto de dúas traballadoras, así como do resto de persoas que en Galicia e noutros puntos de España se encontran nunhas circunstancias similares.