As obras de mellora de nove camiños de Vilaboa contarán con financiamento provincial

Vilaboa
02 de xullo 2026

A Deputación aprobará un investimento de 445.000 euros na reunión do vindeiro luns da súa Xunta de Goberno provincial

María Ramallo visitou Vilaboa Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra financiará con 445.000 euros un proxecto para a humanización de distintas vías municipais de Vilaboa.

A achega será aprobada pola Xunta de Goberno provincial na súa reunión do vindeiro luns e forma parte do Plan +Provincia 2026-2027.

O anuncio foi realizado este xoves durante a visita da deputada provincial María Ramallo ao municipio.

Segundo explicou, Vilaboa contará con algo máis dun millón de euros a través deste programa, sumando as catro liñas correspondentes ao exercicio 2026 e a primeira liña de 2027, á que os concellos poden acceder de maneira anticipada.

O proxecto permitirá actuar sobre nove puntos distribuídos entre as parroquias de Santa Cristina de Cobres, Santo Adrián de Cobres, San Martiño de Vilaboa e Santa Comba de Bértola.

O obxectivo é renovar camiños municipais que presentan un importante desgaste debido ao deterioro do firme, a presenza de fochancas e as deficiencias nos sistemas de drenaxe.

As intervencións previstas inclúen a renovación dos pavimentos mediante distintas técnicas construtivas adaptadas ás características de cada vía, entre elas aglomerado en quente, fresado parcial, tratamentos bituminosos e, nalgúns treitos, pavimentos de lastro de granito ou formigón.

Ademais da mellora do firme, o proxecto contempla actuacións para optimizar a recollida e evacuación das augas pluviais, coa limpeza e reparación de elementos de drenaxe existentes, a instalación de novas canalizacións e a colocación de sumidoiros e canles.

Nos lugares de Filgueira e Pedrouzo tamén se executarán novas redes de abastecemento de auga, mediante a instalación de tubaxes e os elementos auxiliares necesarios para o seu funcionamento.

A actuación completarase coa renovación da sinalización horizontal e vertical nas vías incluídas no proxecto.