Ocupación dun 80% de media en Sanxenxo nunha Semana Santa "moi positiva" para o sector turístico

Sanxenxo
17 de abril 2022

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) sinala que as reservas de última hora e o excelente tempo meteorolóxico durante os últimos días permitiron superar as mellores previsións de ocupación nesta Semana Santa sen a presenza das limitacións marcadas pola pandemia

Persoas en Sanxenxo durante esta Semana Santa
Persoas en Sanxenxo durante esta Semana Santa / Concello de Sanxenxo

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) considera "moi positivo" o resultado obtido na primeira Semana Santa practicamente sen restricións que se celebra en Sanxenxo. Este organismo indica que se superaron as mellores previsións grazas a dous factores: as reservas de última hora e ao excelente tempo meteorolóxico rexistrado nas Rías Baixas durante os últimos días.

Como resultado destes factores, a ocupación media sitúase nun 80% no conxunto dos establecementos turísticos asociados ao CETS. No caso dos hoteis de catro estrelas esa ocupación ascende ao 87%, mentres que nos apartamentos turísticos alcanzan unha porcentaxe do 78%.

Alfonso Martínez, presidente do CETS, considera que estes resultados débense ao "traballo dos nosos profesionais" e á fidelidade dos visitantes e á imaxe de destino asociado á excelencia conseguida por Sanxenxo ao longo dos últimos anos como destino vacacional de referencia no norte de España.

Sanxenxo conta actualmente con máis de 9.000 prazas hostaleiras,  situandose como un dos referentes de municipios turísticos na península. Martínez tamén destaca os bos resultados obtidos no sector da restauración, que puntuaron nun 4,5 sobre 5 o volume de gasto do viaxeiro durante a súa estancia en Sanxenxo. 

O presidente do  CETS recoñece que se notou que había ganas "de viaxar, de saír e, por suposto, de gozar dun destino como Sanxenxo". Agora, segundo asegura, o sector turístico mira con optimismo a tempada alta, na que se agarda poder realizar o traballo con total normalidade, aplicando sempre os protocolos e as normas que poidan establecerse polas autoridades.