A tensión entre o persoal e a dirección de Ence segue en aumento á espera da presentación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría a 39 traballadores da fábrica en Pontevedra, ademais de persoal de oficinas en Galicia, Navia e Madrid.
Comisións Obreiras considera que a empresa rompeu os compromisos adquiridos cos seus traballadores e coa comarca: "Enganáronnos e os traballadores séntense traizoados", denunciou a secretaria xeral de CCOO en Galicia, Amelia Pérez.
Os representantes de CCOO salientan que Ence se comprometera a realizar investimentos na fábrica de Lourizán tras un longo proceso xudicial que permitiu a súa continuidade en Pontevedra, sendo apoiada polo persoal para que puidese continuar na ría de Pontevedra.
Denuncian que o persoal sente que foi utilizado e "enganado" xa que a empresa prioriza o seu propio interese económico por riba do emprego e da estabilidade dos traballadores.
"Dous anos despois vemos que non era certo o que nos prometeron; a empresa utilizounos para o seu interese e hoxe xera moitas dúbidas e desconcerto", sentenciou a máxima representante de CCOO en Galicia.
Segundo a información facilitada por Omar Vázquez, secretario comarcal de CCOO e secretario do comité de empresa de Ence, o ERE previsto contempla:
-
39 despedimentos na fábrica de Pontevedra (máis do 15% do persoal).
-
De 6 a 8 despedimentos en oficinas de Pontevedra.
-
Entre 3 e 5 despedimentos en oficinas de Madrid e Navia.
Os sindicatos consideran que sumar todos os despedimentos xustifica o ERE unicamente dende un punto de vista contable e denuncian que se mesturan unidades e centros con realidades laborais e acordos moi diferentes.
Mentres Ence xustifica o proceso por perdas de 22 millóns acumuladas en catro trimestres, CCOO resalta que a empresa declarou beneficios de 40 millóns o ano anterior e presume de ter aforros de ata 200 millóns, ademais de investimentos recentes que superan os 17 millóns só en 2025.
"Non entendemos por que non pode soportar un período curto de perdas se a previsión é mellorar xa a comezos de 2026", recalca Amelia Pérez.
CCOO advirte sobre tácticas empresariais que buscan "quebrar a unidade do persoal", como manter a fábrica parada durante seis días e aplicar servizos mínimos do cen por cen, o que prexudica as condicións salariais dos traballadores e dificulta as protestas.
Vázquez denuncia "chantaxe e cheque en branco" por parte da dirección e unha ausencia de vontade para negociar solucións alternativas.
Alertan de que desde a dirección se intenta dividir o persoal intentando xestionar o ERE con todos os centros de traballo cando as situacións son distintas.
Por este motivo, sinalan que o comité de oficinas de Ence en Pontevedra, liderado por Ana Cedeira, emitiu un comunicado acusando ao comité da fábrica de levalos a esta situación de conflito.

Vázquez alerta a Ana Cedeira en relación a ese comunicado: "Se a empresa é tan xenerosa e tan de boa fe, que se poña voluntaria na lista de despedimentos e así todos poderán seguir o seu exemplo e ver a xenerosidade da empresa".
Expoñen que esta tentativa de división provocou máis unión entre o persoal da fábrica.
INTERVENCIÓN DA XUNTA
Comisións Obreiras esixe a intervención da Xunta de Galicia e do Partido Popular, a quen consideran cómplices se non actúan para que a empresa cumpra os compromisos co mantemento do emprego.
O sindicato convocou novas xornadas de folga cambiando o calendario previsto. A próxima está prevista para o venres 21 de novembro, e Omar Vázquez anuncia que o conflito "non vai ser de semanas, senón de meses e ata as últimas consecuencias".
O comité prevé máis xornadas de paro en novembro e decembro, advertindo que o conflito será "unha guerra sen cuartel", e que o período de consultas se prolongará ata esgotar todas as vías legais contra os despedimentos previstos.
O persoal advirte que recorrerán a todos os mecanismos legais e mobilizacións posibles para impedir os despedimentos e esixen que calquera reestruturación se axuste rigorosamente aos convenios colectivos existentes.
O conflito supera o estritamente laboral, afectando o tecido social e económico da cidade, lembra Amelia Pérez.
Desde CCOO, Omar Vázquez conclúe: "Preferimos escoller condenar a morte á empresa antes que ser cómplices de nin un só despedimento despois de todo o que pasou esta plantilla pola permanencia da fábrica".

A EMPRESA XUSTIFICA OS DESPEDIMENTOS
Tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas, Ence afirma que puxo en marcha un Plan de Eficiencia e Competitividade que se implementará no período 2025-2027 apoiado en dous piares: por unha banda, a adopción de solucións de Intelixencia Artificial e rexeñería e automatización de procesos e, pola outra, a racionalización dos seus procesos operativos.
A execución dos proxectos que compoñen este plan implica "unha redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despedimento colectivo que se implementaría ata 2027".
Estas amortizacións de postos esixen levar a cabo investimentos previos que permitan automatizar tarefas ou mellorar os procesos actuais, algunhas das cales xa se realizaron en 2025, apuntan.
Ence explica que "de xeito paralelo á realización deste Plan de Eficiencia e Competitividade continúa o proxecto Pontevedra Avanza que contempla un investimento de preto de 120 millóns para acometer actuacións de mellora, segundo se detalla no Marco Estratéxico 2024-2028 da compañía".
Exponen que "ademais do proxecto Pontevedra Avanza, Ence investiu preto de 220 millóns de euros na súa biofábrica de Pontevedra no período comprendido entre 2015 e 2025, dos que 75 millóns se investiron nos últimos cinco anos (2021-2025). Máis do 40% desas inversións estivo centrada en melloras de eficiencia nas instalacións, mentres que, a área de Sustentabilidade, con actuacións medioambientais e vinculadas á seguridade, concentrou máis do 35% destas partidas de investimento".
Só en 2025, a compañía suma 17 millóns de euros na súa biofábrica de Pontevedra destinados a melloras das súas instalacións e á eficiencia do seu complexo industrial, sinalan no comunicado da empresa.