Axentes de varias unidades da Policía Nacional, en colaboración coa policía portuguesa, manteñen aberta unha nova operación de loita contra o crime organizado no barrio pontevedrés do Castañal.
A operación comezou á primeira hora da mañá deste martes. Supuxo o despregamento de varias patrullas policiais e da unidade canina da Policía Nacional, así como de axentes da Policía Local.
Coa axuda dun can policial, realizaron un rexistro nunha vivenda da rúa Mestre Soutullo, no barrio do Castañal.
Ademais tamén se inspeccionan talleres mecánicos por un suposto tráfico ilícito de vehículos, un deles en Mourente.
A investigación corresponde ás unidades Udyco e Greco da Policía Nacional e á unidades policiais de Portugal.
O operativo centrouse nun establecemento de compra venda e reparación de vehículos da subida a Montecelo, Talleres Antonio Pintos, onde axentes das policías Local e Nacional e a Policía Judiciaria de Portugal realizan un rexistro minucioso desde as 7 da mañá.
O taller está precintado e os policías realizan un rexistro de todos os vehículos á venda no establecemento. Segundo fontes coñecedoras da investigación, este taller podería estar baixo sospeita por operacións de compra de vehículos en Portugal.
Nesta operación hai polo menos un detido, un mozo arrestado no rexistro da rúa Mestre Soutullo.
A operación tamén ten ramificacións noutra provincia galega.
***Aínda que nun primeiro momento informouse por erro de que se trataba dunha operación antidroga, non ten que ver con este delito.