Os arqueólogos descobren o esqueleto dun segundo bebé no Campo da Lanzada

Pontevedra
23 de setembro 2016

En menos dunha semana, e tras o descubrimento de Cornelia e dun neonato do século I D.C., o equipo de arqueoloxía da institución provincial atopa o corpo doutro bebé menor dun ano, probablemente do mesmo século, e dúas estruturas anteriores

Campo da Lanzada Deputación

Nas últimas horas, e na mesma semana do descubrimento dos restos dunha muller, bautizada coma Cornelia, e dun neonato do século I despois de Cristo, acaba de aparecer o esqueleto dun bebé menor dun ano, probablemente do mesmo século, e dúas estruturas rectangulares anteriores.

Este esqueleto está en moi bo estado de conservación, atópase a seis metros do primeiro corpo do neonato. Segundo indicaron os arqueólogos tras efectuar o traballo de campo, a falta dos estudos que o confirmen, trátase dun menor dun ano que pertence ó século I despois de Cristo, que probablemente foi enterrado, dada a súa posición e a diferenza do primeiro bebé aparecido (que se cree que foi soterrado probablemente nun saco), seguindo algún tipo de ritual.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou que a comezos da próxima semana a doutora en Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Olalla López, acudirá novamente ao Campo da Lanzada para poder traballar sobre este novo esqueleto aparecido.

Para os especialistas da Deputación de Pontevedra, este achado volve a poñer de manifesto que a necrópole da Lanzada se estendeu máis alá do que se pensaba nun primeiro momento, ata chegar a situarse ao carón dos habitáculos destinados a vivendas.

Ademais do esqueleto do bebé, o equipo de arqueoloxía da institución provincial acaba de atopar dúas estruturas rectangulares baixo a necrópole que poderían ser, a falta de estudos que o confirmen, anteriores ao século I.

Este descubrimento supón unha novidade con respecto ós achados anteriores xa que se trataría de estruturas anteriores ó século I, cando todo o que está aparecendo ata o momento correspóndese a períodos situados entre os séculos I e III despois de Cristo.