Os bombeiros forestais alertan do risco das queimas agrícolas, que provocaron dous incendios esta semana

Pontevedra
11 de xuño 2020
Actualizado: 12 de xuño

Dúas queimas descontroladas polos fortes ventos da segunda semana de xuño calcinaron varias hectáreas de monte e chegaron a afectar o tráfico da autoestrada en Cangas e en Salcedo

Efectos dun incendio forestal provocado por unha queima agrícola en Salcedo Iván Pérez

Altas temperaturas, vexetación seca, baixa humidade e fortes refachos de vento. É o cóctel perfecto para a expansión descontrolada dun incendio forestal. Foron os ingredientes que se deron naquela xornada fatídica de outubro do 2017 cando ardeu boa parte do sur de Galicia e os mesmos que volveron darse a comezos desta semana que, por fortuna, saldáronse sen consecuencias graves grazas á rápida intervención da brigada de bombeiros forestais do Distrito 19 para sufocar dous incendios provocados por queimas de restos agrícolas que se descontrolaron.

"Hai que ter moito coidado e en días como estes, aínda que teñas os permisos e adoptes as medidas de seguridade necesarias, é preferible evitar queimas porque se xera unha alarma que mobiliza aos bombeiros e ademais supón un risco adicional", explica Iván Pérez, bombeiro forestal e presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

En dous días consecutivos, a brigada viuse obrigada a intervir por dous sucesos similares. O primeiro ocorreu en Cangas. "Unha queima mal extinguida, polo vento volveu prender e expandiuse a terreo forestal, queimou 3.500 metros cadrados", explica Pérez. E ao día seguinte, en Salcedo, na contorna do centro Carrefour, "polo vento saltou unha pavesa dunha queima agrícola e prendeu nun punto de monte´e mesmo chegou a saltar a autoestrada pero por sorte caeu nunha zona de xardín e preto de casas e non puido avanzar", relata o traballador.

Neste último caso, o lume avanzou pola marxe da estrada e obrigou á Garda Civil a intervir para regular o tráfico. "Se chega a haber monte, podería ser moito máis grave", subliña Iván, que puido falar cos donos da leira na que se orixinou o lume para constatar que cumprían con todos os requisitos esixidos. "Foi un accidente, os donos estaban moi afectados", recoñece o bombeiro sen culpalos polo ocorrido.

Fontes da consellería do Medio Rural informaron este venres que axentes da Policía Autonómica e axentes ambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais da consellería do Medio Rural procederon a tomar declaración como investigado ao autor da queima agrícola como presunto culpable dun lume forestal.

As lapas afectaron a 0,03 hectáreas de superficie  arborada e 0,13 hectáreas de monte raso. Produciuse "por un escape de queima de restos agrícolas en zona de influencia forestal, sen tomar as debidas medidas de seguridade", informan desde a Xunta.

A consellería do Medio Rural é a que se encarga de autorizar as queimas agrícolas, pero moitas veces as condicións climáticas cambian de forma inesperada en cuestión de horas sen tempo para levantar a autorización ou se chegan a tempo sen que os interesados decátense dos cambios. É por iso que desde o Distrito 19 de Bombeiros Forestais piden aos donos de leiras que extremen as precaucións e que eviten as queimas cando non se poida garantir completamente a seguridade. E ademais, a modernización do sistema para notificar alertas aos interesados.

As brigadas de bombeiros forestais están activas en todos os distritos de Galicia desde o 11 de maio e por primeira vez nas últimas décadas, o contrato asinado polos bombeiros ten unha duración de seis meses. "Era algo que pediramos e estamos contentos porque nolo concederon", admite o traballador dun distrito encargado de velar pola seguridade dos montes das comarcas do Morrazo, Pontevedra, Caldas, O Salnés e Arousa.