Os candidatos ás Cebolas de Ouro poderán ser propostos pola cidadanía

Sanxenxo
03 de xullo 2024

O próximo 4 de setembro e con motivo das festas patronais de Santa Rosalía, entregaranse os premios na XLII Feira da Cebola. Estes galardóns anuais recoñecen a aquelas persoas e colectivos que, co seu esforzo e dedicación, influíron positivamente no desenvolvemento do municipio.

XLI Feira da Cebola de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Por primeira vez, o Concello de Sanxenxo abrirá á participación cidadá a proposición de candidatos ás Cebolas de Ouro, que entrega anualmente no marco da Feira da Cebola. 

Ata o 4 de agosto, calquera colectivo ou veciño particular do municipio poderá presentar a persoas ou entidades locais como candidatas á edición 2024 destes galardóns.

O próximo 4 de setembro e con motivo das festas patronais de Santa Rosalía, entregaranse os premios na XLII Feira da Cebola. Estes galardóns anuais recoñecen a aquelas persoas e colectivos que, co seu esforzo e dedicación, influíron positivamente no desenvolvemento do municipio.

Como cada edición establécense dúas categorías, unha para unha persoa, colectivo ou entidade do municipio e outra para fóra do municipio, pero vinculada dalgunha maneira a Sanxenxo.

As propostas deberán contar cunha memoria xustificativa que destaque a traxectoria persoal e profesional do candidato.

O xurado estará formado polo alcalde e por varios vogais, entre os que se atopará a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, un representante de cada parroquia, un membro do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e un representante de Entretendas.