Os comercios da Praza de San Xosé e da rúa Rosalía de Castro exhiben as fotografías do programa 'Namórate de Ti'

Pontevedra
22 de novembro 2022

Os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais acollen ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres que participaron nos obradoiros impartidos pola artista Patricia Maquieira e a orientadora Tegra Gómez e que exhiben nas imaxes desta mostra o seu lado máis íntimo, positivo, profundo e optimista

Yoya Blanco visitou os comercios que exhiben as fotografías do programa 'Namórate de Ti' Mónica Patxot

Os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais de Pontevedra situados na contorna da Praza de San Xosé e da rúa Rosalía de Castro acollen ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres participantes no programa de empoderamento feminino 'Namórate de Ti'. 

Todas elas participaron nos obradoiros impartidos pola artista Patricia Maquieira e a orientadora Tegra Gómez e exhiben nas imaxes desta mostra o seu lado máis íntimo, positivo, profundo e optimista.

A exposición foi inaugurada este martes cun percorrido no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, visitou as vitrinas dalgunhas das firmas participantes acompañada dalgunha das súas protagonistas; da propia Tegra Gómez; da directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda. 

En concreto, a mostra pode desfrutarse nos comercios Viajes Eroski, Trévede Fashion Store, Zafiro Tours, Bess Two, Taller de Costura Bendrell, Óptica Federópticos Revenga, La Audiencia, D-Lectum, Mepiachi - Restos Stock, Farmacia Evangelina Blanco Rey, Madre Selva Cosmetics, Lienzo Decoración, Sonytel Galicia, Xoaría Palamios, Sonata Dos, Café Bar 33, Carnicería Quique, Pontepan, Wengue Interiorismo, La Tienda de Raquel e Moma.

Tal e como sinalou Yoya Blanco, "con esta exposición poñemos o colofón a unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, un taller de empoderamento feminino onde Tegra e Patricia puideron traballar con estas mulleres bravas a mellora da autoestima e o enfoque positivo do presente, a través de diferentes dinámicas con actividades como baile, reflexións, escritura, escoita, conexión coa natureza e eliminación de etiquetas como 'vítima', para enfocar o futuro dun xeito máis livián e sentíndonos moito máis poderosas". 

'Namórate de Ti' está enmarcado dentro das actividades organizadas pola Concellería de Igualdade e o CIM co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Este programa desenvolveuse no CIM ao longo de catro xornadas (os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro), co obxectivo esencial de que tódalas participantes aprendesen a quererse e valorarse empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta.

Deste xeito, 'Namórate de Ti' permitiu reforzar a autoestima e o autoconcepto que as participantes teñen de si mesmas, fomentando a unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e as sesións fotográficas que xerminaron nesta emotiva mostra. 

Segundo apuntou Tegra Gómez, "este é un programa dirixido a mulleres que ten como obxectivos esenciais o aumento da autoestima e o empoderamento, que ten dúas fases: a primeira consta de catro sesións, nas que facemos traballo de liberación de etiquetas e que lles permiten acadar a confianza suficiente como para despois poñerse diante dos focos, brillar con luz propia e botar todo o mellor de si mesmas nesas fotos; e esta segunda, que exhibe as fotografías nos escaparates". "Queremos ser mulleres, nada máis. Non queremos ter outro tipo de etiquetas, porque nos limitan e nos clasifican cara a fóra, e non queremos. Queremos vivir libremente e amosar a nosa personalidade", afirmou Tegra Gómez.

A orientadora indicou que, aínda que nun primeiro momento sempre existen nervios ou reticencias á hora de saír nas imaxes, á maioría de mulleres participantes acaba por resultarlles unha experiencia moi positiva "o feito de verse en fotos grandes, efectuadas con focos, cun fondo determinado, cunha pose diferente e nas que se ven favorecidas". "Acaban desfrutando moito, soltándose e xogando coa cámara durante as sesións. Verse nun escaparate xa é un paso máis. Hai algunhas ás que lles encanta e outras que teñen un pouco de vergoña", matizou Tegra Gómez.

 

Arquivado en