Os investimentos en Carballedo roldarán os 700.000 euros entre final de ano e 2019

Cerdedo Cotobade
18 de agosto 2018

Ademais do proxecto de humanización na zona da Chan, vaise acondicionar a pista Pazos-Carballedo, os accesos a vivendas en Atalaia e Trabazo e a conexión coa parcelaria da Igrexa

Jorge Cubela na Chan, en Carballedo
Jorge Cubela na Chan, en Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

A parroquia de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, experimentará un notable cambio nos próximos meses co plan de investimentos previstos.

Segundo explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, está previsto que se invistan na parroquia máis de 700.000 euros entre o que queda de ano e todo o 2019 para obras de humanización, melloras viarias, creación de prazas de aparcadoiro e novos sistemas de depuración e saneamento. 
A actuación máis importante será a humanización integral da Chan e creación dun aparcadoiro público e gratuíto con 55 prazas, grazas a un investimento de 607.000 euros no marco da terceira fase da reforma urbana da capital municipal, e que estará financiada nun 70% por fondos da Deputación e nun 30% municipais, en virtude do acordo asinado recentemente coa administración provincial.

Ademais tamén se vai a acometer a depuradora ecolóxica de Paraños, dotada con 36.000 euros e que servirá para poñer en funcionamento a rede de saneamento, e executarase o plan de mellora viaria con actuacións na pista Pazos-Carballedo, os accesos ás vivendas en Atalaia e Trabazo e a conexión coa parcelaria da Igrexa. Esta cuádrupla actuación en estradas supoñerá un investimento de 60.000 euros.

A maiores, Cubela confirmou que o  Concello pretende continuar dinamizando social, cultural e economicamente a capital municipal coa potenciación das feiras que se celebran os segundos venres de cada mes; a continuidade nas accións de conciliación como ludotecas ou campamentos; o reforzo dos actos culturais ao longo de todo o ano e a aposta por grandes eventos, como a subida automobilística ou a Transgalaica.

Todas estas actuacións, sinalou o presidente municipal, completaranse cos 3 millóns de euros da nova residencia da terceira idade, cuxo plan especial atópase actualmente en fase de información pública e cuxas obras arrincarán ao longo do próximo ano.