A residencia de maiores de Carballedo, pendente dun ditame de Urbanismo da Xunta

Cerdedo Cotobade
29 de novembro 2018

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de aprobar de xeito provisional o Plan Especial de Dotacións para a construción da residencia de Carballedo. Está previsto que a tramitación administrativa se prolongue durante uns oito meses 

Terreos da futura residencia da terceira idade de Carballedo (arquivo)
Terreos da futura residencia da terceira idade de Carballedo (arquivo) / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de aprobar de xeito provisional o Plan Especial de Dotacións para a construción dunha residencia da terceira idade en Carballedo.

O documento foi aprobado na xunta de goberno local e agora vai ser remitido á Xunta de Galicia para que sexa ditaminado pola Comisión Superior de Urbanismo, que dispón dun prazo máximo de dous meses para posicionarse sobre este proxecto. A partir dese momento, xa poderá ser aprobado de xeito definitivo no Concello. Ese ditame de Urbanismo é o derradeiro paso administrativo da tramitación desta normativa.

Segundo o presidente municipal, Jorge Cubela, está previsto que a tramitación administrativa se prolongue durante uns oito meses, pero é motivo de satisfacción para o Concello, pois "tras moito traballo, xa vemos a luz ao final do túnel".

Vencido o prazo de dous meses e cun informe favorable, este plan especial quedará definitivamente aprobado no mes de febreiro. A partir dese momento, comezará unha segunda fase de traballo burocrático orientada á redacción do proxecto de viais e servizos, á consecución dos terreos e á convocatoria do concurso para a realización das obras e a posterior explotación da residencia.

Este expediente, que foi aprobado inicialmente en xullo e provocou a suspensión de licenzas no seu ámbito territorial de case unha hectárea, xa superou o ditame de Medio Ambiente, a avaliación ambiental estratéxica e a fase de información pública sen alegacións

O proxecto busca mellorar as infraestruturas e a oferta de servizos sociais de Cerdedo-Cotobade. Contempla un investimento duns 3 millóns de euros para a construción dun edificio de 3.304 metros cadrados que se situaría nunha parcela de máis de 8.000 metros situada fronte ao centro de saúde de Carballedo. O inicio da obra está previsto para finais de 2019 ou comezos de 2020 e contará inicialmente con 59 prazas. Xenerará unha vintena de postos de traballo.