Os narcos do Salnés saltan a televisión con "Fariña", a nova serie de Antena 3

O Salnés
11 de marzo 2016

Laureano Oubiña, Sito Miñanco, Marcial Dorado, o clan dos Charlíns... Todos eles volven estar de plena actualidade grazas a Fariña, o libro sobre o narcotráfico galego que publicou recentemente o xornalista Nacho Carretero. E sobre esta historia puxo os seus ollos a televisión. Bambú Producciones chegou a un acordo con Antena 3 para que esta cadea emita proximamente unha serie basada neste libro

30 anos de loita da Asociación Érguete Asociación Érguete

Laureano Oubiña, Sito Miñanco, Marcial Dorado, o clan dos Charlíns... A historia de todos eles volve estar de plena actualidade grazas a Fariña, o libro sobre o narcotráfico galego que publicou recentemente o xornalista Nacho Carretero.

Nel, a través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, retrátase con minuciosidade a negra historia do tráfico de droga en Galicia.

Á parte da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispoñía de todos os ingredientes necesarios para converterse nunha 'nova Sicilia': atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando por terra, mar e ría, e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos "inofensivos" e "benefactores" capos do tabaco.

Os clans, poderosos e herméticos, creceron nun clima de impunidade afianzada grazas á desidia (cando non complicidade) da clase política e das forzas de seguridade. Un potencial destrutivo que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.

E sobre esta historia puxo os seus ollos a televisión. Bambú Producciones, a compañía responsable de series como Gran reserva, Velvet, Gran hotel o Bajo sospecha, chegou a un acordo con Antena 3 para que esta cadea emita proximamente a adaptación televisiva de Fariña, segundo adiantou o xornal El Mundo.

"Queremos contar a historia do narcotráfico desde o ano 1975 ata 2015", explica Ramón Campos, produtor executivo da serie

"Queremos contar a historia do narcotráfico desde o ano 1975 ata 2015, polo que habería máis dunha tempada da serie", explica Ramón Campos, produtor executivo da serie, que contará co autor do libro, Nacho Carretero, entre os seus guionistas.

A produtora ten claro o produto que quere. Todos os grandes narcos galegos aparecerán nunha serie que terá certa vocación documental.

"Fariña ten que ser moi realista, non unha telenovela que recolla unha trama romántica. A maior parte do noso equipo é galega, e sentimos un gran respecto polo que ocorreu. Ademais dos criminais, os tiros, as mortes, as lanchas, esta é unha historia na que morreu moita xente", asegura o produtor da serie, natural de Noia (A Coruña).

O casting para a serie comezará en breve e espérase que, polo menos, parte da rodaxe se realice nas Rías Baixas, nos mesmos escenarios naturais onde operaron, co contrabando primeiro e o narcotráfico, os máis destacados clans galegos.