'Artificial Paradises', unha colección na que cada estilismo representa unha paisaxe imaxinaria, converteuse na noite deste xoves na gañadora do desfile Debut 2015, celebrado no recinto feiral de Pontevedra e que levou enriba da pasarela as propostas do alumnado da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga).
O xurado seleccionou a proposta dunha pontevedresa, Sheila Pazos, que en 'Artificial Paradises' se inspirou no libro As cidades invisibles, de Italo Calvino. Titulada en Belas Artes e alumna de doutoramento desta facultade do campus pontevedrés, Pazos recoñece, en declaracións ao Duvi da Universidade de Vigo, que as "paisaxes imaxinarias" constitúen un tema "no que traballo a miúdo a nivel artístico, e nesta ocasión leveino á moda". Esta inspiración que ten a súa orixe como filla de emigrantes pontevedreses en Suiza, valeulle un premio dotado con 2.000 euros que entrega a empresa Jesús Peiró.
O segundo premio foi para o proxecto 'No te mueras cariño' de Paula Sobrino, basado nun libro de relatos no que Marco Polo narra as súas viaxes ao emperador Kublai Khan.
A novena edición do desfile de Esdemga volveu congregar máis dun milleiro de persoas no Pazo da Cultura, entre eles unha nutrida representación do sector téxtil galego. A directora de Edemga, Lola Dopico, destaca que o desfile supón, ante todo "un proxecto formativo e educativo, que xorde do traballo do estudantado nas aulas".
Sobre a pasarela estiveron os traballos realizados por estudantes de diferentes cursos e os proxectos de fin de estudos de sete novos egresados, Ana Abal, Lucía Caride, Javier Eijo, Laura Rodríguez, Carmela Sánchez e as premiadas Pazos e Sobrino. Foron un total de 42 proxectos e coleccións que levaron sobre a pasrela a máis de 60 persoas que exerceron como modelos.
Debut incluíu a posta en escena de Human 2.0, a colección deseñada por un grupo de alumnas e egresadas coa que Esdemga lograba a comezos do presente ano o primeiro premio no Certame Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, promovido pola plataforma Trendipia co soporte de Inditex. Pilar Ullod, Raquel Chapela, Tatiana Rico, Carlota Pérez e Paula Sobrino son as cinco autoras dun proxecto que obtivo un galardón de 50.000 euros e que nesta xornada puido verse por primeira vez enriba dunha pasarela.