Os populares urxen o parque infantil de Médico Ballina prometido

Pontevedra
23 de abril 2018

Tras os sucesivos superávit dos anos anteriores e a licitación do Parque de Campolongo, os populares levarán ao próximo Pleno unha moción para que se acometa dunha vez por todas o demandado parque

Concentración dos veciños da rúa Médico Ballina para demandar un parque infantil PontevedraViva

Tras amosar o seu apoio aos veciños de Médico Ballina durante a concentración convocada o pasado sábado, o grupo municipal do Partido Popular vén de presentar este luns unha moción coa que urxen ao goberno local construír o parque infantil prometido na zona, facendo uso da totalidade dos terreos sobre a cuberta do tren cedidos por Adif en marzo de 2016.

Concretamente, os populares esixen que se faga uso dos máis de 2.600 metros cadrados dos que consta a cesión.

Os populares lembran que despois de anos de reclamacións veciñais, por fin en novembro de 2015, o BNG comprometeuse en asemblea veciñal aberta a crear un parque infantil e facer uso da totalidade dos terreos sobre a falsa cuberta da vía do tren ao seu paso por Médico Ballina.

Incluso chegaron a asegurar que xa contaban cun proxecto municipal, pero que non poderían comezar as obras ata que ADIF cedese os terreos.

A cesión formal fíxose efectiva en marzo de 2016 "e descubriuse que era todo unha mentira para gañar tempo", dixo o concelleiro do PP, César Abal.