Os Reis Magos aceptan a "cabalgata estática" proposta pola Xunta e recibirán os nenos na Praza de España

Pontevedra
29 de decembro 2021

Carme da Silva, concelleira de Festas, mostrouse sorprendida pola falta de concreción por parte da Consellería de Sanidade sobre as medidas a adoptar nos vindeiros días. Indica que oficialmente no Concello non recibiron comunicación da Xunta pero indicou que adaptarán a Cabalgata de Reis ao modelo recomendado pola Xunta. Os Reis atenderán as peticións dos menores o día 5 entre as 11.00 e as 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas

Carme da Silva, concelleira de Festas Mónica Patxot

Carme da Silva, concelleira de Festas, anunciou este mércores que dentro dunha semana, o día 5, os Reis Magos de Oriente recibirán as peticións do público infantil na Praza de España en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, adaptándose ao modelo proposto pola Xunta de cabalgata estática. 

As oito carrozas previstas para a cabalgata polas rúas instalaranse ao longo de Montero Ríos e os 26 grupos de animación que acompañarán ás Súas Maxestades permanecerán todo o día animando as rúas de Pontevedra e animando esa recepción ao longo da xornada en compaña dos pequenos.

A concelleira indicou que se poñerán os medios para que a cola sexa ordenada, ao longo de todo o Paseo de Montero Ríos, e que a circulación sexa fluída sen que os menores poidan achegarse demasiado a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os caramelos serán repartidos e son aptos para persoas celíacas e tamén haberá caramelos para persoas intolerantes á glicosa.

Da Silva explicou que no Concello non se recibiu ningunha notificación por parte da Xunta de Galicia sobre como debería desenvolverse a cabalgata.

A decisión adoptouse, segundo expuxo, despois de escoitar as recomendacións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Mostrouse crítica coa falta de concreción das medidas para os próximos días por parte da administración autonómica. "Non hai protocolos claros", engadiu para salientar que a sociedade está a responder con responsabilidade e atópase con decisións que provocan confusión por parte da Xunta. 

Indicou que a finalización das PCR voluntarias no Hospital Provincial que permitiran aflorar moitos casos positivos que se descoñecían deixan á poboación nun estado no que "non sabe que facer" ante unha nova fase de  autodiagnóstico no que a responsabilidade recae sobre a persoa fronte a un sistema sanitario "colapsado".

Lamentou que as decisións se anunciasen o 28 de decembro cunha "falta absoluta de previsión e de planificación" cando esta nova onda de casos xa se observaba desde semanas atrás. Entende que a situación da cabalgata non sería moi diferente se se realizase a ordinaria, polas rúas de Pontevedra, porque os nenos e nenas permanecerían quietos nun sitio observándoa sen ter que moverse, como deberán facer agora co formato estático. 

En canto á proba deportiva da San Silvestre, indicou que a concellería de Deportes manterá a actividade como estaba prevista con saídas graduadas e con utilización de máscara.