Os segredos do Convento de Santa Clara, ao descuberto

Pontevedra
05 de agosto 2022

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, realizaron este xoves unha visita ás escavacións arqueolóxicas que se están acometendo no convento

Escavacións arqueolóxicas en Santa Clara Deputación de Pontevedra

Quedan aínda semanas de traballo por diante, pero as escavacións arqueolóxicas que se están levando a cabo no Convento de Santa Clara están a sacar á luz algúns dos seus segredos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, visitaron este xoves os traballos que está a desenvolver un equipo multidisciplinar e que permitiu localizar máis de 2.000 restos cerámicos ou construcións como pavimentos e canalización de auga soterradas.

Ademais ata o momento localizáronse máis dunha vintena de tumbas.

O estudo detallado de todo iso permitirá aos expertos coñecer como evolucionou a vida no convento ao longo de sete séculos e cales eran os hábitos das relixiosas que alí se aloxaban.

Esta actuación dirixida pola Deputación de Pontevedra é un paso previo necesario para incorporar o antigo convento ao Museo.