David Regades, o número 1 da lista do PSdeG-PSOE ao Congreso pola provincia de Pontevedra, manifestou este mércores que a construción da depuradora que tratará as augas residuais de gran parte dos concellos de Poio e Sanxenxo "é unha realidade inminente gracias ao Goberno de Pedro Sánchez, que solucionou unha herdanza envelenada de enfrontamentos, mentiras e abandono das súas funcións por parte da Xunta de Galicia".
Regades fixo estas declaracións nun acto electoral no miradoiro da Granxa no que estivo acompañado por membros da candidatura socialista e o voceiro do PSOE en Poio, Gregorio Agís.
Regades afirmou que esta infraestrutura "tiña que estar construída hai tempo" e que había un consenso entre a Unión Europea, o Goberno de España e a Xunta de Galicia, pero que "foi aparcada por Feijoo, que nunca quixo facer as obras e para elo promoveu o enfrontamento institucional entre Poio e Sanxenxo".
Unha Xunta, engadiu o candidato do PSOE, que "xa tivera o atrevemento de declarar a ría de Pontevedra como zona sensible nos anos 90, auto obrigándose así a dotar á ría de saneamento terciario (eliminando a práctica totalidade da carga contaminante dos efluentes urbanos)" pero "a realidade", segundo Regades, é que, "a día de hoxe, na marxe norte da ría se segue a verter a caño libre".