Os socialistas esixen actuacións no río Galo para previr enchentes en Cuntis

Umia
27 de maio 2016

Tamén preguntará se vai esixir o Goberno galego solucións ao Ministerio de Fomento para a tubaxe do regato de Calvos que cruza a estrada N-640 e que ten un dimensionado insuficiente para absorber todo o caudal nos días de choiva

Río Gallo ao seu paso polo casco urbano de Cuntis
Río Gallo ao seu paso polo casco urbano de Cuntis / PontevedraViva

Ano tras ano, a vila de Cuntis está a sufrir os estragos producidos polas enchentes do río Galo e algúns dos seus afluentes, incrementados pola construción dun novo tanque de tormentas preto da depuradora de Meira, con resultados lamentables. Tanto é así que o concello leva anos aprobando mocións para instar ás administracións implicadas na súa solución.

O río Galo, ao seu paso polo núcleo de Cuntis, está identificado por Augas de Galicia como Área con Risco Potencial Significativo de Inundación, de acordo cos criterios da directiva europea.

Sen embargo, nos mapas de perigosidade e risco por inundacións a efectos do plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia – Costa (2015-2021) Cuntis non foi incluído no proceso de planificación co fin de dar a mellor resposta posible ás catástrofes naturais, de xeito coordinado e tendo sempre como obxectivo minimizar os danos que poidan producir estes fenómenos.

O grupo parlamentario do Partido Socialista preguntará ao goberno galego no Pleno do Parlamento que actuacións ten previstas para o saneamento e a limpeza da conca do río Gallo para previr e evitar os danos debidos ás enchentes e asolagamentos, e se a resposta fose positiva, preguntará cando as vai acometer.

Tamén preguntará se vai esixir o goberno galego solucións ao Ministerio de Fomento para a tubaxe do regato de Calvos que cruza a estrada N-640 e que ten un dimensionado insuficiente para absorber todo o caudal nos días de choiva.

E de remate, aos socialistas interésanlle coñecer que actuacións e medidas vai tomar o goberno galego para solucionar e minimizar as enchentes.