Os socorristas de Sanxenxo deron 881 avisos por infraccións de embarcacións durante o mes de agosto

Sanxenxo
11 de setembro 2023

Un total de 80 persoas encargáronse durante o último mes do servizo de socorrismo nas 17 praias de Sanxenxo con bandeira azul

Un socorrista Mónica Patxot

Un total de 80 persoas encargáronse durante o último mes do servizo de socorrismo nas 17 praias de Sanxenxo con bandeira azul. 

Segundo o informe de actuacións que fixo público o Concello de Sanxenxo, en agosto os socorristas realizaron 9.559 intervencións.

No mar, os socorristas realizaron un total de 881 avisos por infraccións de embarcacións.

Unha vez máis, Silgar volve ser a praia que rexistra o maior número destas advertencias (498) seguida de Canelas (186) e Montalvo (48).

Ata 738 bañistas precisaron a atención do servizo por picaduras de faneca. As praias con máis incidencias deste tipo foron Silgar (145), Montalvo (121) e Canelas (109). Pero foron as feridas a incidencia máis repetida nos areais cun total de 917 casos atendidos. 

Os socorristas realizaron un total de 1.921 avisos sobre incumprimentos da ordenanza e 2.595 avisos a bañistas que estaban en risco, sendo Silgar e Baltar os areais cun maior número de advertencias.

Nas estatísticas do mes de agosto, as picaduras de insecto (100) xunto coas de ourizo (120) son as outras dúas intervencións máis repetidas durante as xornadas de praia en Sanxenxo. 

En canto aos rescates acuáticos, o servizo realizou un total de 5 nos areais de Silgar, Paxariñas e Foxos. 

Tamén se realizaron 25 avisos por situacións perigosas provocadas por saltos desde rocas ou lugares elevados e avisos por pescar en zonas de baño (85). A recollida de residuos obrigou a actuar ata en 1.921 casos ao servizo.

Desde o 1 ata o 15 de setembro, mantense o servizo de socorrismo nas praias de Areas, Silgar, Montalvo e Canelas de 12 a 20 horas e nas praias de Foxos e O Espiñeiro-A Lanzada durante as fins de semana no mesmo horario.