A Federación de Servizos da CIG informou do acordo aprobado maioritariamente polos traballadores da empresa Cleanet de desconvocar a folga prevista para os días 6 e 7 de outubro.
O motivo deste paso atrás vén dado polo aboamento das nóminas dentro do prazo que marca o convenio colectivo de limpeza de edificios e locais.
Outra razón é que a Inspección de traballo acaba de citalos para unha mediación o próximo día 8 de outubro para intentar chegar a un acordo nos cobramentos dos salarios.
As delegadas sindicais da CIG "agradecen a comprensión" dos responsables do Ministerio de Defensa ante esta convocatoria de folga "tamén agradecemos a intervención da Inspección de Traballo", que axudou neste sentido a desconvocatoria de folga e por suposto a todos os traballadores "que demostraron que coa unidade da clase obreira poden defender os seus dereitos".