Os traballos de reurbanización do último treito da avenida de Vigo comezan este mércores

Pontevedra
25 de xullo 2017

Durante a primeira xornada van instalarse as casetas de obra e o material necesario para poder levantar os pavimentos das beirarrúas durante o xoves. A obra ten un orzamento de 236.782 euros

Obras no ámbito da avenida de Vigo Diego Torrado

Este mércores comezarán os traballos de reurbanización do último tramo da avenida de Vigo, entre a rúa Luís Seoane e o entroncamento coa rotonda do Nó do Pino. Trátase dun espazo de 300 metros no que a empresa Covsa acometerá os traballos cun orzamento de 236.782 euros. Está previsto que esta reforma finalice a primeiros de decembro deste ano. A intervención será similiar á do primeiro tramo da avenida de Vigo, que levou a cabo coa apertura da avenida Josefina Arruti. 

Durante este mércores instalaranse as casetas de obra e trasladarase o material de obra para que o xoves comecen a levantarse as beirarrúas. Desde o goberno local indícase que a obra contempla estacionamento en liña en ambos os lados da rúa, manter un carril de circulación, beirarrúas dun mínimo de tres metros e completar a iluminación que falta, ademais de reconstruír a rede de rede de sumidoiros.

Segundo o equipo de goberno do Concello de Pontevedra trátase dunha actuación acordada cos veciños desta zona coa que se quere mellorar a imaxe dunha das saídas urbanas da cidade.