Os veciños esixen á Xunta a reforma da estrada de Vilagarcía

Pontevedra
07 de novembro 2015

Aseguran estar "preocupados" pola "alta sinistralidade" deste viario e "fartos" despois de que transcorresen dez anos co proxecto de urbanización desta estrada "gardado nun caixón"

Estrada entre Pontevedra e Vilagarcía, PO-531 PontevedraViva

A plataforma da PO-531 integrada por veciños dos municipios de Pontevedra e Barro, decidiu este venres en asemblea reactivar as súas reivindicacións para esixir á Xunta que retome o proxecto de reforma da estrada de Vilagarcía.

Aseguran estar "preocupados" pola "alta sinistralidade" deste viario e "fartos" despois de que transcorresen dez anos co proxecto de urbanización desta estrada "gardado nun caixón".

Manuel Corredoira, presidente da plataforma, clamou "xustiza" cos veciños de Campañó, Alba, A Devesa, A Portela e Curro que teñen que soportar unha estrada con densidades de tráfico que superan os 20.000 vehículos ao día.

A plataforma sinala con "indignación" que os orzamentos do goberno galego "seguen esquecéndose desta actuación" polo que esixen ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo a execución do proxecto de reforma do viario nos mesmos termos nos que foi aprobado polos veciños.

Neste sentido propoñerán ás corporacións locais dos concellos de Pontevedra, Barro, O Salnés e Vilagarcía que apoien esta demanda.