Os veciños queixáronse do ruído procedente do baile de gala do Liceo Casino ao que asistíu Rajoy

Pontevedra
14 de agosto 2017

Desde o goberno local sinalan que o evento no que participou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durou ata as 08.00 horas da mañá causando molestias entre os veciños da contorna

Baile de Gala do Liceo Casino na Caeira nas Festas da Peregrina 2017 Cristina Saiz

A concelleira de Festas, Carme da Silva, facía un balance este luns dos acontecementos festivos durante a fin de semana, nos que comentou que unha das incidencias produciuse polas chamadas de queixas de veciños á Policía Local de Pontevedra polo ruído que saía das dependencias do recinto do Liceo Casino da Caeira, en Poio.

Segundo indicaba a concelleira, o evento da posta de longo no que participou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durou ata as 08.00 horas cun elevado volume da música. "Non é o primeiro ano, son queixas reiteradas porque é festa pero igual ata as oito da mañá é un pouco excesivo", puntualizou Da Silva. 

Na comandancia da Garda Civil de Pontevedra tamén se rexistraron chamadas de queixas veciñais polo horario e o ruído do baile de gala. Unha patrulla desprazouse ata o Parque de Verán do Liceo Casino e nos próximos días axentes da Garda Civil revisará a documentación para comprobar que contaba con todas as autorizacións para que a festa durase tantas horas.

O permiso para a celebración destes actos depende do Concello de Poio. A Policía Local deste municipio, con todo, non tivo constancia de malestar veciñal polo exceso de volume emitido desde a sociedade recreativa.

En canto a outro tipo de incidencias, a responsable das festas sinalaba que esta fin de semana realizáronse 21 intervencións por parte dos servizos médicos para atender casos de exceso de consumo de alcol e un ferido por un corte accidental.

Recolléronse 15 toneladas de lixo durante a mañá do domingo e 6 toneladas, a falta de que conclúan os traballos de limpeza, durante a xornada deste luns.

Tamén se realizaron numerosos controis de consumo de alcol e drogas a condutores e, segundo a concelleira, todos deron resultado negativo. O único condutor que deu resultado positivo foi o que sufriu un accidente por saída de vía na rúa Eduardo Pondal, onde tamén durante a noite do sábado ao domingo montouse un amplo dispositivo de control da Policía Nacional.

URINARIOS PÚBLICOS

Sobre a petición realizada polo Partido Popular para instalar urinarios públicos en distintos puntos do centro histórico, Carme da Silva sinalou que xa hai baños na Alameda e que iso non resolve o problema da "incontinencia urinaria" por parte dalgúns homes.

Recomendou ao Partido Popular que se preocupe de divertirse e que se "coñecen xente con inconteniencia urinaria que lle diga que esas cousas non se fan".