Os voceiros municipais respaldan unánimemente as alegacións municipais ao parque eólico Rula

Cerdedo Cotobade
13 de agosto 2021

O alcalde Jorge Cubela salientou o alto grao de consenso para facilitar a unidade de acción neste tema cos grupos políticos, comunidades de montes, técnicos e veciños afectados

Sinatura das alegacións muncipais Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os representantes do PSdeG-PSOE, Regina Sobral, e do BNG, Ernesto Filgueira, asinaron conxunta e unánimemente o respaldo ás alegacións que presenta o Concello ao parque eólico Rula.

Os voceiros dos tres grupos municipais con representación na Corporación de Cerdedo-Cotobade (Ernesto Filgueira atópase de viaxe, pero confirmou o seu respaldo) únense deste xeito aos resultados dos traballos realizados polos técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental, que redactaron as alegacións que se incluíron no documento interposto pola administración local diante destes proxectos liderados pola multinacional enerxética Green Capital Development

O alcalde, Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción porque este proxecto conte co informe negativo da Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia, que está tramitando o Goberno de España a través do Ministerio de Transición Ecolóxica, porque "respalda o noso plantexamento de rexeitamento deste tipo de iniciativas empresariais que se ubican fóra das zonas autorizadas. Todas as posicións e parte da poligonal do parque eólico Rula incumpren as disposicións establecidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia ".

O proxecto eólico Rula pretende instalar un total de 11 aeroxeradores cunha potencia total de 55 MW é dicir, cunha potencia unitaria por cada muíño de 5.000 kW. Estes aeroxeradores contan cun diámetro de 145 metros e unha altura de 127,2 metros.

Por outra banda, Jorge Cubela insistiu en que "queremos evidenciar ante a opinión pública o noso desexo de camiñar xuntos, da man dos veciños, na defensa dos intereses da veciñanza e dos lugares que compoñen o municipio de Cerdedo-Cotobade e que se ven afectados pola irrupción disparatada dun inxente número de proxectos eólicos que saturan de maneira extrema as posibilidades que o noso concello pode ofrecer desde o punto de vista racional, da sostenibilidade medioambiental e do aproveitamento harmónico dos recursos naturais dos que dispoñemos".

 

Arquivado en