O 30 de xullo de 2015 o campión do mundo de piragüismo de maratón Óscar Graña protagonizaba os titulares de varios medios de comunicación de Pontevedra por rescatar unha muller que se afogaba no río Lérez mentres adestraba. Este luns 17 de abril volveu facelo. Logrou salvar unha pontevedresa que estaba a flotar nas augas fluviais e que agora se recupera do ocorrido no Hospital Montecelo.
Todo ocorreu sobre as 10.20 horas deste luns. O piragüista, e axente da Policía Nacional de profesión, estaba fóra de servizo e adestrando cando, á altura da ponte do tren de Monte Porreiro, viu que había un corpo flotando. Achegouse, comprobou que era unha muller e que estaba inconsciente, de modo que a rescatou.
A pesar de que o corpo pesaba moito porque a muller levaba bastante roupa e estaba semi afundida, tirouse ao agua e logrou arrastrar á muller ata a beira. Unha vez en terra, solicitou a presenza das forzas de seguridade e servizos sanitarios e unha ambulancia prestoulle unha primeira asistencia e trasladouna ao Hospital Montecelo.
A muller ingresou con síntomas de hipotermia, pero, en principio, non se teme pola súa vida. Trátase dunha pontevedresa duns 60 anos de iniciais M.C.A.P. que se atopaba desaparecida da súa casa desde primeira hora da mañá, segundo confirmou a Policía Local.
Unha vez que a rescatou e a muller foi identificada, púidose comprobar que a familia pedira axuda sobre as 9.00 horas da mañá para buscala, pois se ausentou de casa e descoñecían o seu paradeiro.