Outubro, un mes enfocado na formación para promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes

Pontevedra
06 de outubro 2017

A Rede Galega pola Igualdade (REGAI), coa colaboración da Deputación, porá en marcha este sábado 7 de outubro o proxecto 'Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de futuro', que organizará ao longo de todo o mes tres accións formativas en Poio, Cuntis e Redondela

Puri Leal, Carmela Silva e Carmen Cajide, na Deputación

A Rede Galega pola Igualdade (REGAI), coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, porá en marcha este sábado 7 de outubro un novo proxecto centrado na formación que se marca como obxectivo promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes e loitar contra as violencias machistas. Trátase de 'Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de futuro' e contará con tres accións formativas en Poio, Cuntis e Redondela. 

A presidenta provincial, Carmela Silva; a presidenta da REGAI, Carmen Cajide; e a vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía, Puri Leal, presentaron este venres o proxecto, que Carmela Silva defende como un exemplo máis de que a Deputación considera a igualdade como un eixo transversal e centro de acción da política da institución

Este proxecto parte da premisa de que a formación e a información son a base para transformar a sociedad desigual na que vivimos e, segundo explicou Carmen Cajide, ten un enfoque multidisciplinar e persegue varios fins. O primeiro deles é "empoderar ás mulleres mediante a formación, a reflexión e o debate", pero tambén busca "achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas".

A través das tres accións formativas, buscan estudar asuntos de importancia real para as mulleres, que forman parte da axenda actual e que teñen impacto sobre os dereitos e liberdades.

A primera das actividades está prevista para este sábado 7 na Casa Rosada de Poio e está aberta á cidadanía en xeral. Trátase da xornada 'Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar' e dará cita durante toda a mañá a profesionais da psicoloxía, da xustiza, da policía, da medicina e do movemento asociativo. 

Segundo informou a REGAI, esta formación durará entre as 9.45 e as 14.00 horas e aposta por conxugar experiencias e opinións de persoas expertas en combater a violencia machista desde o ámbito da psicoloxía, da socioloxía, da sanidade, da policía ou da xustiza.

O programa continuará do 13 ao 15 de outubro na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis co curso 'Claves para a comunicación oral desde a perspectiva de xénero. Mulleres empoderadas'. O 28 de outubro, o multiusos de Redondela acollerá a actividade de coaching 'Fortalecemento do Movemento Asociativo Feminista'.

As actividades poden consultarse nesta ligazón.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora