Profesionais do mundo da saúde, da psicoloxía e de agrupacións especializadas en atención ás vítimas das violencias machistas participaron este sábado na xornada Intervención contra as violencias machistas: un enfoque multidisciplinar, organizada pola Rede Galega de Igualdade na Casa Rosada de Poio.
As intervencións puxeron sobre a mesa a escasa percepción que as vítimas das violencias machistas teñen sobre a existencia de mecanismos de axuda que están á súa disposición.
Chegar ás "mulleres silenciadas", en palabras da médica Rosana Izquierdo, debe ser por tanto un obxectivo ineludible para administracións, colectivos e profesionais especializados na materia.
A erradicación de condutas violentas pasa tamén por un labor preventivo cos homes, un traballo que realiza o programa Abramos o Círculo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que ofrece atención especializada a varóns interesados en aprender a resolver conflitos pola vía do diálogo.
"A seguridade das mulleres mellórase tamén traballando cos homes", apuntou o psicólogo Rubén Villar.
A representante da coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, Raquel Doval, apostou por ofrecer axuda dende unha perspectiva feminista e reclamou unha mellora da coordinación para que a asistencia chegue de forma efectiva ás mulleres.
O proxecto da Rede Galega de Igualdade continuará os días 13, 14 e 15 de outubro cun curso de comunicación oral con perspectiva de xénero que terá lugar na casa da cultura Roberto Blanco Torres, en Cuntis.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.