O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou este luns as instalacións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Alí coñeceu de primeira man a situación actual do sector.
Nesta primeira toma de contacto tras a súa recente incorporación ao cargo, o representante autonómico estivo acompañado polo secretario do Consello, Ramón Huidobro.
Este trasladoulle os principais retos e oportunidades aos que se enfronta a denominación nos próximos anos.
Fernández subliñou a necesidade de manter "unha relación fluída e permanente coas entidades e organismos" que, como o Consello Regulador, "desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento económico da provincia".
Neste contexto, puxo en valor a relevancia da Denominación de Orixe Rías Baixas como un dos principais referentes do sector agroalimentario galego.
Destacou o seu papel como "motor económico, social e turístico para numerosos concellos".
Así mesmo, o delegado territorial incidiu na contribución dos profesionais da viticultura e das adegas á xeración de emprego e riqueza, así como no seu papel clave na proxección exterior de Galicia.
Finalmente, apostou por seguir reforzando a calidade e a excelencia que caracterizan os viños amparados baixo esta denominación.